Volver ao inicio

Claudia Pérez, Luca Chao e Manuel González Seoane gañan o VII Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Podes ler os relatos premiados premendo nesta ligazón. 

A profesora Claudia Pérez, nada no Bierzo e veciña de Ourense, fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos con “Nin coa lixivia”
Luca Chao Pérez, gañadora do segundo premio na edición do 2021, volve obter este galardón con “Esperanza”
Manuel González Seoane, mestre xubilado natural de Vilagarcía e veciño da Coruña, mereceu o terceiro premio con “Herdanza”
Almudena Falcón Folgueira, veciña de Castro de Ribeiras de Lea, e Álvaro Arbizu Ponce, de Cedeira, son os finalistas

A Coruña, martes 25 de xuño de 2024.- “Nin coa lexivia”, unha historia sobre a violencia que se exerce contra as mulleres a través das palabras, é a gañadora do primeiro premio do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal na categoría de adultos, ao que se presentaron máis de 450 textos. A súa autora é Claudia Pérez González (1995), nada no Bierzo e veciña de Ourense. O segundo premio é para Luca Chao (1988), que xa se fixera co mesmo galardón en 2021, desta volta cun texto titulado “Esperanza” coa guerra como escenario non nomeado; e “Herdanza”, un conto sobre os conflitos familiares presentado por Manuel González Seoane (1955), natural de Vilagarcía de Arousa e residente na Coruña, mereceu o terceiro.

O xurado composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico, Manuel González; a académica correspondente Olga Castro; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a escritora Antía Yáñez, membro do comité de redacción da revista Luzes, elixiu ademais como finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira (1982), natural de Cospeito e veciña de Castro de Ribeiras de Lea; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce (2001), veciño de Cedeira.

Da historia de Claudia Pérez González, profesora de Lingua castelá e literatura no IES Ferro Couselo de Ourense, o xurado salientou a súa capacidade para reflectir o peso dos estereotipos de xénero que estigmatizan aínda hoxe as mulleres. O relato, de 190 palabras, denuncia ademais que “a violencia tamén está nas palabras”.

O texto máis breve dos premiados na categoría de adultos, con 88 palabras, é “Esperanza”, unha reflexión arredor da guerra sen mencionala que lle valeu un novo galardón neste concurso á luguesa Luca Chao, doutora en Ciencias Sociais. O xurado subliñou o “dominio da arte do microrrelato” que se demostra neste conto, no que o título dialoga co texto para lle dar sentido, atrapando a atención de quen o le ata o final.

 

Canto a “Herdanza”, escrito polo mestre xubilado Manuel González Seoane, o xurado destacou a “sorpresa final moi ben administrada” dunha historia que “evidencia os conflitos que marcan as familias, ás veces por cousas moi cativas”.

 

O xurado escolleu ademais como un dos contos finalistas “Cando viu o seu corpo xeado”, de Almudena Falcón Folgueira, do que chama a atención a súa capacidade de non normalizar a guerra; e “Á autoridade competente”, de Álvaro Arbizu Ponce, do que subliña o xeito de xogar co léxico. Ambos os autores son tamén docentes: Almudena Falcón de Lingua galega e literatura e Álvaro Arbizu mestre.

 

Na modalidade de 12 a 17 anos, o coruñés Jacobo Pérez Criado (2007), a luguesa Mencía Ferreiro García (2007) e Carla Coucheiro Rodríguez (2009), valenciana e veciña de Santiago de Compostela, foron distinguidos co primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente. Así o decidiu o xurado que avaliou os case 500 textos presentados nas categorías de persoas menores de idade, integrado nesta ocasión polo académico de número e dramaturgo Euloxio R. Ruibal; a académica correspondente e profesora da USC Montse Pena Presas; a presidenta do padroado do Museo do Pobo Galego e membro da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga e tamén membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos; e o escritor e xornalista Lois Alcayde Dans, coordinador da revista Luzes.

 

Na categoría infantil o primeiro premio é para Martina Boo Álvarez (Cambre, 2012); o segundo, para Mariña Abollo Aneiros (Santiago de Compostela, 2012); e o terceiro, para Xoel Villar Castro (2014), de Castrelo de Miño. O xurado elixiu ademais como finalistas xuvenís senllos relatos de Paula García Villar (Lestedo, 2008) e do veciño de Tomiño Brais González Vázquez (2007); e como finalistas infantís, unha historia do compostelán Pedro Novais Méndez (2012) e outro conto de Mariña Abollo Aneiros.

 

Todos os relatos premiados poderán lerse nunha edición dixital que se difundirá nas páxinas web da RAG, de PuntoGal e do concurso (relatos.gal) o día da entrega dos galardóns. As nove historias galardoadas e mais as finalistas publicaranse ademais na edición en papel de Luzes.

Esta páxina web emprega cookies para mellorar a experiencia do usuario/a. Se continúas navegando consideraremos que aceptas o seu uso.    Máis información
Privacidad