Volver ao inicio

PuntoGal e a RAG presentan a oitava edición do concurso de microrrelatos
  • As entidades convocantes poñen o acento na participación da xente máis nova, nunha etapa fundamental para afianzar o uso e os afectos cara ao galego
  • O prazo para participar na que é xa a oitava edición do certame manterase aberto todo o mes de febreiro, cadrando cunha nova promoción para rexistrar dominios .gal

 

A Coruña, xoves 23 de xaneiro de 2025.- PuntoGal e a Real Academia Galega abren o sábado 1 de febreiro a oitava edición do seu concurso de microrrelatos. Un ano máis, premiaranse as mellores historias de ata 200 palabras escritas por autoras e autores de todas as idades. Creado co obxectivo reforzar a presenza da lingua e da identidade galegas no mundo dixital, o certame repartirá nove premios, tres en cada categoría: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e persoas adultas (a partir de 18 anos). Ambas as entidades animan especialmente a participar á xente máis nova, que se atopa nunha etapa vital fundamental para afianzar o uso e os afectos cara ao idioma propia do país. A convocatoria manterase aberta todo o mes de febreiro coincidindo cunha nova campaña que permite rexistrar un dominio .gal durante dous anos por 15 euros máis IVE.

Os presidentes da Real Academia Galega e de PuntoGal, Víctor F. Freixanes e Manuel González González, formarán parte do xurado da categoría de persoas adultas canda a académica correspondente Débora Campos, escritora e xornalista arxentina con raíces galegas; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a tamén xornalista e profesora Yolanda Virseda. O xurado que elixirá os contos gañadores das modalidades infantil e xuvenil integrarano a historiadora e académica correspondente Ana Romero Masiá, directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses; o historiador e tamén correspondente da RAG Xosé María Lema Suárez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego e integrante da directiva de PuntoGal, Concha Losada; a filóloga Cristina Ríos, membro do equipo técnico de PuntoGal; e o director de Aira Editorial, xornalista, crítico literario e escritor César Lorenzo Gil.

As persoas gañadoras do VIII Concurso de microrrelatos de PuntoGal e a RAG recibirán distintos premios tecnolóxicos e relacionados coa lectura, segundo se detalla nas bases dispoñibles na páxina web do concurso, relatos.gal. As entidades convocantes difundirán neste espazo e nas súas respectivas webs os textos gañadores, que poderán ademais lerse en papel, xunto aos finalistas, na revista Luzes, que colabora nesta iniciativa dende a primeira edición.

Visibilizando novas voces para as nosas letras

Os presidentes da PuntoGal e a RAG presentaron esta mañá a nova edición do concurso en rolda de prensa xunto a Xosé Manuel Pereiro, codirector de Luzes, e Cristina Ríos en representación dos xurados. “Con este concurso, a Academia e PuntoGal convidamos a nenos e nenas, adolescentes e persoas adultas a empregaren o galego como ferramenta creativa coa que ollar e escribir o mundo, expresar desacougos e esperanzas, íntimas e colectivas, de hoxe e de sempre, explorando novas formas de expresión que proxecten o noso idioma en todas as facetas da vida e cara ao futuro”, salienta Víctor F. Freixanes.

O presidente da RAG sinala a creatividade demostrada polos concursantes ao longo das sucesivas edicións, que contribuíron a visibilizar voces emerxentes das letras galegas. Entre as persoas gañadoras e finalistas –lembra– hai novas voces, de moi curta idade no seu momento, como as de Nee Barros (2002) e Alba Guzmán (2003); debutantes serodios no mundo editorial, como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950); e tamén nomes como os de Héctor Cajaraville ou Marta Villar, gañadores do Premio Xerais 2015 e 2024, respectivamente.

O concurso da RAG e PuntoGal é en calquera caso unha iniciativa aberta a toda a cidadanía, a persoas de calquera idade, profesión e condición, pero ambas as institucións destacan o especial interese que teñen en promover a participación das novas xeracións. “Gustaríanos que a xente nova participe masivamente coas súas creacións porque é nos primeiros anos cando se crean os vínculos afectivos cunha lingua, porque é unha maneira de demostrar desde os primeiros anos que o galego non só é unha lingua apta, senón que é a lingua natural, para expresar todas as nosas emocións e as nosas vivencias de cada día: na escola, no lecer, no deporte”, indica Manuel González.

Pola súa banda, Xosé Manuel Pereiro, codirector de Luzes, comentou que este premio “anima a dar un paso adiante e poñer por escrito os froitos da creatividade de xeito público, competindo entre iguais”. “Sempre hai voluntarios do comité de redacción de Luzes para participar no xurado”, destacou Pereiro, que “recoñecen un excelente nivel de creación narrativa, e o feito de que este premio anime a plasmala.” Neste sentido, Cristina Ríos, parte do xurado, destacou que “o nivel de lingua e de recursos literarios é moi alto, o que fai máis complicado o traballo dos xurados á hora de ter que se decidir por un só gañador, desbotando moitos outros que poden ter unha calidade similar.”

Promoción de PuntoGal

A oitava edición do concurso de microrrelatos coincidirá no tempo cunha nova campaña de PuntoGal, engade o seu presidente, quen recorda que o dominio de Galicia ten como función fundamental darlle visibilidade á súa lingua e a súa cultura no ciberespazo.  Os rexistradores acollidos á promoción, que ofrece dous anos de rexistro por un máximo de 15 euros máis IVE, son Dinahosting, Openprovider, Don Dominio, OVH.com e INWX. As condicións desta promoción poden consultarse en dominio.gal/promocions/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.

Esta páxina web emprega cookies para mellorar a experiencia do usuario/a. Se continúas navegando consideraremos que aceptas o seu uso.    Máis información
Privacidad