Volver ao inicio

A Real Academia Galega e PuntoGal convocan a quinta edición do concurso de microrrelatos

A Real Academia Galega e a Asociación PuntoGal convocan a quinta edición do certame de microrrelatos que crearon en 2018 co obxectivo de reforzar a presenza da lingua e da identidade propias no mundo dixital. O prazo de presentación dos textos, dun máximo de 200 palabras, permanecerá aberto durante o mes de febreiro, cadrando coa campaña de promoción de PuntoGal que permitirá rexistrar un dominio .gal para dous anos a un prezo de 15 euros máis IVE. As entidades organizadoras agardan repetir e mesmo mellorar o éxito de participación das edicións anteriores do certame, ao que se presentaron ata o momento máis de tres mil historias escritas por persoas de todas as idades.

 

Nesta edición volveranse repartir nove premios, tres en cada unha das categorías distribuídas por idades co propósito de facilitar a participación de todo o público. Na infantil poderán participar nenos e nenas de ata 11 anos; na xuvenil, mozos e mozas de 12 a 17 anos; e na de adultos, calquera persoa maior de idade.

A participación canalizarase a través dun novo sitio, www.relatos.gal, que facilitará a entrega dos textos e a cobertura dos formularios requiridos. O prazo para concursar permanecerá aberto do 1 ao 28 de febreiro de 2022. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web do concurso. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes.

Iniciativas para a xente nova e a proxección da lingua
O presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, Manuel González González, e o seu director xeral, Darío Janeiro, presentaron esta mañá na sede da Academia a nova edición do concurso. Víctor F. Freixanes subliñou a estratexia que duns anos para acó vén desenvolvendo a RAG a prol da creatividade nos novos espazos da comunicación, cunha atención especial á xente nova que se plasma en iniciativas coma esta. “Cada tempo histórico ten a súa maneira de crear e de expresarse. A lingua galega é unha lingua do século XXI e como tal cada día ocupa máis espazo nas redes sociais, nas tecnoloxías da comunicación, nas plataformas da globalización, na produción audiovisual… Son desafíos e, ao mesmo tempo, oportunidades que non podemos deixar pasar. Este concurso de microrrelatos, que cada ano ten maior aceptación, é a expresión deste tempo novo, resultado dunha alianza importante: por unha banda a memoria histórica que representa a Academia, co seu traballo científico e o seu patrimonio; por outra banda, o universo da cultura dixital, encarnado na Asociación PuntoGal, que invita a todos os galegos e galegas a incorporarse a estas novas formas da modernidade”, expresou.

Manuel González González salientou que o concurso é xa “unha referencia anual esperada polos creadores galegos, tanto autores literarios xa consagrados como afeccionados á escrita que teñen unha idea e que se atreven a darlle forma literaria dunha maneira breve e sintética”, e puxo tamén o acento na importancia do seu atractivo para a xente nova. “Todos teñen cabida neste concurso aberto ao conxunto da sociedade, e que ten unha formidable acollida en persoas de todas as idades. Pero a nós prodúcenos unha especial satisfacción a participación dos sectores máis novos da nosa poboación, a mocidade e a infancia, por canto accións deste tipo promoven e asentan unha vinculación afectiva e instrumental da nosa lingua como medio de expresión das súas experiencias e da súa creatividade. E isto é fundamental para PuntoGal, que, amais de xestionar o dominio .gal, ten como unha das súas finalidades fundamentais o fomento da lingua galega en todos os ámbitos e a súa instalación como vehículo habitual de expresión da nosa xente”, explicou. “A lingua é o principal sinal de identidade dos galegos, e o sentido máis profundo que ten o noso dominio .gal é precisamente o de reforzar e dar a coñecer esta identidade dentro do Universo, por iso a asociación PuntoGal sempre fomentará iniciativas que camiñen nesta dirección”, concluíu.

Promoción para os novos rexistros do dominio galego
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, incidiu na importancia de que un certame destas características chegue á quinta edición cun número de participantes moi elevado, por enriba dos tres mil, e con “propostas literarias de verdadeira altura que, afortunadamente, dificultan cada vez máis o traballo dos xurados”. Janeiro aproveitou para lembrar o programa corporativo de PuntoGal, que favorece a existencia de iniciativas como a presentada hoxe, entre outras en marcha, “no espírito decidido do dominio de apostar por proxectos galegos, en galego e que repercutan na sociedade”. Nese sentido, lembrou as tres liñas de traballo de PuntoGal: “a expansión do ecosistema do dominio, a representación de Galicia nos foros internacionais de Internet e o apoio a proxectos singulares”.

O director xeral do dominio salientou finalmente a promoción que durante o mes de febreiro acompañará o certame de microrrelatos, “unha das máis atractivas das que se farán en 2022, xa que posibilita o rexistro dun dominio por dous anos por un máximo de 15 euros máis IVE”. Os rexistradores acollidos á promoción son Dinahosting, DonDominio, Openprovider, Radia e INWX. As condicións da promoción poden consultarse en dominio.gal/promocions/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras. O dominio lanzará unha campaña de publicidade para dar a coñecer tanto esta acción como o concurso.

O número de dominios .gal segue a medrar e suma xa máis de 6.200 rexistros. PuntoGal, entidade sen ánimo de lucro, reinviste os beneficios que obtén da súa xestión en actividades de fomento da cultura, a lingua e a tecnoloxía en Galicia e en galego. Entre os últimos proxectos dos que forma parte figura o ambicioso programa do Museo do Pobo Galego para a conservación do patrimonio inmaterial galego (APOI); o patrocinio das Gaélico Escolas, iniciativa didáctica para que os máis novos practiquen e coñezan o fútbol gaélico; o apoio aos contidos en galego nas novas plataformas; ou a organización xunto con GCiencia dos premios Spin-Off PuntoGal que salientan o traballo no ámbito da ciencia e a investigación nas universidades galegas.

Esta páxina web emprega cookies para mellorar a experiencia do usuario/a. Se continúas navegando consideraremos que aceptas o seu uso.    Máis información
Privacidad